O Movemento Feminista fai pública a convocatoria oficial de FOLGA XERAL FEMINISTA para o próximo 8 de Marzo. Esta iniciativa súmase á campaña pola Folga Internacional de Mulleres realizada polas feministas en distintos países do mundo.

Facemos un chamamento á cidadanía en xeral e a todas as mulleres en particular a se xuntaren á convocatoria. O próximo 8 de marzo imos paralizar os traballos, mesmo aqueles que realizamos gratuitamente nos fogares e espazos privados.

Convocámonos para paralizar toda a sociedade desde catro ámbitos: fogares, consumo, estudos e traballos de todo tipo, legais ou de economía somerxida, na esfera pública ou a privada, incluíndo as labores de coidados na sociedade e na familia; traballos que ninguén ve, ou que realizamos por menor remuneración que os nosos compañeiros.

Xa abonda de tantas violencias e desigualdades!

Convocamos para facer fronte a un modelo patriarcal que demoniza, en nós, as mesmas funcións que son imprescindibles para o desenvolvemento, avance e crecemento da sociedade.

Convocamos para que comecemos a desmontar os estereotipos, os prexuízos e a opresión á que nos someten os modelos impostos desde unha construción androcéntrica da historia e da sociedade que nos quere fóra da esfera pública e os espazos de poder e de representación.

Xa abonda da disposición e manipulación dos nosos corpos e das nosas vidas!

Non somos mercadorías nin obxectos ao servizo de desexos alleos.

Imos deixar de ser consumidoras. Os mercados sanciónannos dobremente, só por ser mulleres. Dunha banda, os produtos que nos son imprescindibles, son considerados artigos de luxo. Doutra banda, queremos acabar coa lóxica comercial pola cal os produtos se encarecen simplemente por mudar a cor: rosa por azul ou por engadir unha etiqueta: muller/home.
Pero, ademais, Queremos deixar de ser modelo/produto de consumo.

Xa abonda do ditado de normas sobre a nosa aparencia física! Os nosos corpos non deben ser reclamo para incitar ao consumo.

Imos deixar baleiras as aulas. Fagamos patente que nós somos as mestras e profesoras dos primeiros treitos educativos. Visualicemos a desigualdade existente na docencia e postos de responsabilidade na Universidade. Lembremos que os nosos expedientes académicos son brillantes, que somos maioría nos estudos universitarios e que, a pesar diso, a fenda de xénero non nos permite acceder aos postos que nos corresponden por dereito e méritos propios. Os postos máis altos en política e empresas están copados maioritariamente por homes. Eles son quen toman as decisións.

Xa abonda de teitos de vidro!

Non imos consentir que ser muller sexa a principal causa de pobreza, con máis incidencia se se é maior de 45 anos, migrante, racializada ou trans. Esta precariedade lévanos a ser traballadoras a tempo parcial sen desexalo e a man de obra máis exposta ao desenprego.

O embarazo non pode ser obxecto de despedimento ou de marxinación laboral, nin debe menoscabar expectativas vitais, persoais nin profesionais.

Esiximos prestacións sociais que permitan levar adiante as labores de crianza, coidado e acompañamento familiar en condicións de igualdade de xénero e dignidade para todas as persoas implicadas. Queremos que se entendan os coidados como un ben social de primeira orde, de sustento da vida e de corresponsabilidade.

Non queremos seguir sendo a man de obra gratuíta que compensa os recortes orzamentarios en saúde, servizos sociais e educación.

Non estaremos TODAS este ano. Cada ano ASASÍNANNOS, como un sacrificio ao patriarcado. Denunciamos a ausencia de políticas que rematen cos feminicidios. O recentemente asinado Pacto de Estado debe, necesariamente, ir acompañado de orzamentos que doten de medios e recursos para o desenvolvemento de políticas reais e efectivas encamiñadas a conseguir unha sociedade libre de violencia de xénero.

Denunciamos a violencia á que se nos somete polo simple feito de ser mulleres. Unha violencia que nos ameaza de maneira física, verbal, económica, médica e moral, que nos viola, que nos acosa,nos minusvalora, que abusa de nós. Violencia social, institucional e sistemática.

Queremos denunciar a xustiza patriarcal que non nos considera suxeitas de pleno dereito.

Denunciamos, como cidadás, a corrupción como causa fundamental da crise e recortes sufridos. Denunciamos, como cidadás, a grave represión e recortes de dereitos que estamos a sufrir a través da aprobación de leis que nos reprimen e empobrecen.

Denunciamos que as nosas irmás procedentes doutras culturas e que viven neste país non sexan recoñecidas como suxeitas con plenos dereitos, engadindo a súa condición de inmigrantes á de ser mulleres nunha intersección de gran vulnerabilidade.

Xa abonda de racismo e exclusión!

Denunciamos tamén a homofobia e a transfobia tanto social como institucional que sofren moitas compañeiras, como outra forma máis de violencia machista, pois non son tampouco recoñecidas como suxeitas con plenos dereitos, engadindo a súa condición á de ser muller Xa abonda de opresión pola nosa identidade sexual!

POR TODO ISTO CONVOCAMOS A FOLGA XERAL FEMINISTA O 8 DE MARZO.
QUERÉMONOS VIVAS
QUERÉMONOS LIBRES
FEMINISTAS REBELDES E DESOBEDIENTES

Share This