Folga de coidados

Ideas

Con esta folga queremos facer patente que o sistema económico colapsaría sen o noso traballo cotián de coidados.

Un traballo que está invisibilizado e desvalorizado cando o sistema se sostén pola apropiación que fai dos coidados que realizamos as mulleres, sen ter en conta as nosas necesidades e proxectos vitais.
Somos nós as que coidamos constantemente, ás nosas familias, parellas, compañeiros de traballo, amigos, a todos os que están ao noso redor. E sen todas estas tarefas ninguén podería vivir. Porque a pesar de estar invisibilizadas son imprescindibles para o benestar das persoas e para a sostenibilidade da vida e o planeta.
Queremos parar de coidar, pero, doutra banda, tamén queremos reivindicar os coidados de seu, a súa necesidade para que todas e todos comprendamos a súa importancia vital, para que se convertan nunha responsabilidade social, compartida e redistribuída.
Queremos parar para que os coidados non recaian unicamente en nós. Propomos deixar de facer as actividades e tarefas cotiás dirixidas ao coidado das persoas e ao mantemento dos espazos vitais nos que transcorren as nosas vidas.

Paramos as mulleres, pero non paran os coidados. Por isto son necesarios uns SERVIZOS MÍNIMOS que garantan os coidados que sexan inescusables e inaprazables para a atención das persoas que estean en situación de necesitar coidados específicos ou que requiren coidados para actividades básicas da vida diaria e non poida cubrilos outra persoa. Organízao coas persoas da túa contorna.

Esta é unha das tarefas que os homes solidarios están chamados a desenvolver neste día para garantir que máis mulleres participan da Folga Feminista.

Ideas

Estas son algunhas ideas que podemos seguir, ao mellor despois de polas en práctica non quereremos abandonalas ;D

  • Falar coas persoas da túa contorna, amizdes, familia, sobre como distribuír o traballo de coidados e doméstico, a partir da semana do 8, de forma equitativa.
  • Organizar o coidado colectivo das e dos pequenos para o día 8.
  • Non encargarte de levar aos nenos e nenas ao colexio.
  • Non encargarte de lavar, tender, pasar a ferro…
  • Non encargarte de preparar a comida para outras persoas.
  • Non responsabilizarte de limpar, nin de coidar aos netos e netas.
  • Non atender o teléfono na túa asociación nin encargarte da loxística, nin tomar acta nin recoller os vasos de auga.
Sabemos que con deixar de coidar un día non realizamos un gran cambio, por iso convidamos a que isto sexa o inicio dunha nova forma de organizar e compartir os traballos de coidados.
Share This