Folga de consumo

Ideas

Queremos parar de consumir, parar os mercados dos nosos barrios e vilas, non haberá froiteiras, carniceiras, pescantinas, non haberá consumidoras, queremos parar a cidade.

Pero tamén queremos construír estratexias de consumo alternativo, que respecten os nosos dereitos e as nosas vidas.

Estas son algunhas ideas que podemos seguir para o 8 de Marzo, talvez despois de as por en práctica non quereremos abandonalas:

• Propomos non comprar nin consumir ningún produto ou servizo, máis aló dos imprescindibles para a supervivencia e activismo dese día (electricidade, transporte, auga, alimentos, comunicacións…). Trátase tamén de facer un esforzo por non consumir os produtos dese día en días anteriores ou posteriores.

• Non queremos pagar máis por produtos dirixidos a mulleres. Propomos sinalar ás marcas que apliquen a taxa rosa e deixar de consumilas. Durante o mes de marzo (polo menos), facer boicot aos produtos que impoñen a taxa rosa. Non podemos ter un 21% de IVE sobre produtos de primeira necesidade para a nosa saúde. Como alternativa aos tampóns propomos concienciar sobre outros medios como pode ser a copa menstrual.

A chamada taxa rosa, en referencia á cor asociada ás mulleres, provoca que moitos dos produtos e servizos pensados para as mulleres custen máis que os dirixidos a homes e, segundo algúns estudos, fai que as mulleres afrontemos un gasto adicional de 1.300 euros ao ano.

Só precisas dar unha volta polo supermercado: coitelas, crema depilatoria, champú… Todo máis caro se é para mulleres.

• Non elixir produtos sobre-envasados. Organizádevos para consumir colectivamente e elixir produtos de proximidade.

• Evitar o consumo en comercios onde as mulleres se atopen nunhas malas condicións laborais e vitais. Queremos que se respecten os dereitos das traballadoras.

• Informarnos sobre a orixe e os procesos de produción dos produtos que consumimos. Evitar o consumo daqueles produtos cuxa elaboración leve a explotación doutros pobos.

• Informarnos activamente se os produtos que consumimos son respectuosos co medio ambiente.
• Usar a bicicleta ou desprazarnos a pé.

• Reducir o uso de aparellos electrónicos (computadores, móbiles…).

• Reducir o consumo de televisión, silenciar os anuncios televisivos ou de radio que nos impoñen ver e escoitar.

Sabemos que con deixar de consumir un día non realizamos un gran cambio, por iso durante todo o mes de marzo convidamos a realizar un consumo consciente e sustentable.

 

Share This