Folga estudiantil

Ideas

Queremos parar nos colexios, institutos e universidades porque o sistema educativo en todas as súas etapas é o principal espazo de socialización no que se reproduce o actual sistema capitalista e patriarcal e está moi lonxe de ser un espazo no que se crece en equidade e igualdade social.

Desde o colexio e o instituto constrúense os roles de xénero, os estereotipos e o amor romántico heterosexual como modelo único de relación afectivo-sexual, á vez que nós empezamos a construír a nosa identidade sexual nuns centros que carecen dunha educación afectivo-sexual diversa e están infestados de actitudes LGTBIfóbicas. Ata a universidade, onde non é difícil ver a división sexual á hora de elixir carreira e o teito de cristal á hora de investigar ou promocionar na Universidade.

En todas estas etapas tamén vemos que a historia das mulleres, a nosa historia, foi invisibilizada e apartada das aulas e os libros de texto. Da mesma maneira, as estudantes vémonos sometidas a unha tripla explotación (estudantes, traballadoras e coidadoras) que nos aboca a unha precariedade vital absoluta.

Por iso as estudantes do movemento feminista queremos xuntarnos a esta folga do 8 de marzo reivindicando:

• Unha educación pública, laica e feminista.

• Unha educación que transversalice a perspectiva de xénero en todas as disciplinas. Non somos unha excepción, somos unha constante que foi calada.

• O noso dereito a unha educación afectivo-sexual diversa, libre de estereotipos heteropatriarcais e que non nos reduza a meros obxectos.

• A coeducación e a corresponsabilidade.

• E seguir loitando pola baixada das taxas e o aumento das bolsas que nos permita conciliar a vida estudantil, laboral e de coidados.

Como propomos facelo?

• Non asistir a clase o día 8 de marzo. Tes un exame ou unha clase na que controlan asistencia? Lembra que tes dereito á folga: fala co equipo directivo do teu insti e co equipo reitoral do teu uni para solucionalo.

• Informa sobre a folga no teu cole, o teu insti ou a túa facultade. Non esquezas ás mulleres traballadoras e profesoras! Organiza asembleas coas mulleres do teu centro educativo para preparar o día de folga.

• Organiza accións e pasacampus para o día de folga. Informa e debate sobre a situación das mulleres estudantes: cuestionamento, humillación, invisibilización, acoso nas aulas…

• Non te encargues dos coidados (coller o teléfono, preparar a comida, organizalo todo) o día de folga.

Share This