Este documento coas nosas reivindicacións cara a Folga Feminista é froito do saber colectivo que imos tecendo ao compartir as rúas, o intercambio de experiencias, saberes e prácticas de resistencia individual e colectiva fronte ás distintas formas en que se manifesta o patriarcado. Por iso está aberto á mellora e á actualización continua.

Cara a Folga feminista

Que é a Folga Feminista?

Vimos de lonxe, temos unha longa historia feminista, e un percorrido de moitos 8 de marzo tomando a rúa, a praza, a palabra co propósito de subverter a orde do mundo e o discurso heteropatriarcal, racista e neoliberal.
Ao berro de “nin unha menos, querémonos vivas” que lanzaron as feministas arxentinas foi adiante una folga global de mulleres de traballo produtivo e reprodutivo o 8 de marzo de 2017. Millóns de mulleres de 70 países, desde Arxentina a Polonia, desde Turquía a Estados Unidos, desde Brasil a Italia pasando pola nosa terra, contaxiámonos e ocupamos as rúas para facer visibles os nosos traballos, as nosas demandas e os nosos corpos.
Porque nos últimos anos desde o movemento feminista interxeneracional, crecente en número e en enerxía, impulsamos e desenvolvemos propostas e ideas para pensar noutras vidas e outro mundo. Somos miles, millóns, as mulleres dispostas a conseguilo, e imos a por todas.
En 2018 queremos chegar máis lonxe e dar visibilidade cunha folga máis ampla da do 2017 a nosa forza, a nosa rabia e dor e á vez a alegría compartida de sabermonos fortes. Queremos que ninguén poida mirar a outro lado fronte ás nosas propostas e a nosa centralidade no mundo.
Por iso o movemento feminista convocámonos a unha Folga Feminista. É unha folga que vai máis máis aló do que se identifica como paro laboral porque a participación das mulleres é nuclear en todas as esferas da vida, e a folga ten que alcanzar tamén outros traballos e espazos: o dos coidados, o consumo, a vida estudantil e asociativa.
Unha folga de mulleres na que poderemos reflexionar colectivamente que poden facer todos e cada un dos homes para mudar unha situación sobre a que se deberían manifestar xa contrarios.
Practicamos un feminismo interseccional porque sabemos que estamos atravesadas por desigualdades e precariedades que nos sitúan en lugares moi diversos fronte ao patriarcado, o traballo asalariado, os coidados, o consumo, o exercicio dos nosos dereitos, a formación e a participación cidadá, polas diferenzas que atravesamos algunha de nós segundo a procedencia, a clase, a idade, a orientación sexual, a identidade de xénero e habilidades. Pero a folga é de todas, hai un oco para todas e cada unha de nós na nosa Folga Feminista do 8M.
Convocámonos todas, como fixeron as nosas antecesoras, para quebrantar os privilexios dunha sociedade patriarcal e capitalista, racista e heteronormativa. Convocámonos todas a esta folga que ten os seus antecedentes na traxedia que supuxo para nosas irmás que foron asasinadas, queimadas, acusadas de “bruxas”, para perpetuar o control do modelo social e económico masculino, que se sentía ameazado.
O noso é un berro global, transfronteirizo e transcultural. Somos un movemento internacional diverso que planta cara á orde patriarcal, racista, capitalista e depredador co medio ambiente, e que propón outras vidas e outro mundo radicalmente distinto. Formamos parte das loitas contra as violencias machistas, polo dereito a decidir sobre o noso corpo e a nosa vida, pola xustiza social, a vivenda, a saúde, a educación, a soberanía alimentaria, e a laicidade, contra o extractivismo e os tratados de libre comercio, a explotación e moitas outras loitas colectivas. Unidas por outra forma de entender e organizar a vida, a economía e as relacións. Porque somos antimilitaristas e estamos contra as guerras, e as fronteiras, contra os Estados autoritarios e represores que impoñen leis mordaza e criminalizan a protesta e a resistencia feminista. Unidas ás mulleres que defenden os dereitos humanos e a terra, arriscando as súas vidas.
Formamos parte dun proceso de transformación radical da sociedade, da cultura, da economía, das relacións. Queremos ocupar o espazo público, reapropiarnos da decisión sobre o noso corpo e a nosa vida, reafirmar a forza política das mulleres, lesbianas e trans e preservar o planeta no que vivimos.
E por iso o 8M pararemos o noso consumo, o traballo doméstico e os coidados, o traballo remunerado e os nosos estudos, para demostrar que sen nós non se produce, e sen nós non se reproduce.
Isto nin comeza nin remata o 8 de marzo. O proceso empeza moito antes do día da folga, facendo reunións, construíndo propostas, tecendo redes, pondo en andamento procesos de contaxio… e culminará o día 8 cunha folga na que faremos visíbeis as nosas denuncias e esixencias en todos os espazos, tomando as rúas en pobos e cidades.

Violencia

Porque as violencias machistas son unha forma de dominación; é intolerable que non podamos ser autónomas, donas das nosas vidas, dos nosos corpos; que expresarnos ou simplemente camiñar polas rúas produza en nós medo. Non estamos dispostas a consentir nin unha soa manifestación de violencia contra as mulleres. E dicimos BASTA a todas as violencias que sufrimos en todos os ámbitos e espazos das nosas vidas: no fogar, o traballo, os espazos públicos: transporte, rúas, prazas; coa parella, a familia, a contorna laboral, a sociedade e as institucións do Estado.

Por que facemos folga?
  • Porque nos faltan todas as mulleres que foron asasinadas polo feito de o seren, vítimas de feminicidio, e que cada día son máis; porque 1000 mulleres foron asasinadas por violencia machista nos últimos 14 anos no Estado español (54 feminicidios e outros asasinatos de mulleres entre 2010 e 2017 na Galiza segundo os dtos recollidos na web feminicidio.net).

  • Porque miles de mulleres sufrimos malos tratos por parte das nosas parellas ou exparellas porque seguen créndose os nosos donos.

  • Porque non existe protección nin reparación para nós, e non hai seguridade efectiva nin xustiza para moitas de quen denunciamos e ademais, a lexislación vixente é ineficaz e non se aplica na súa integridade, e os recursos para loitar contra estas violencias continúan sendo insuficientes.

  • Porque nos violan os homes que se cren donos dos nosos corpos e anúlannos como persoas e para mostrar a outros homes a súa masculinidade dominadora e violenta.

  • Porque non nos cren, porque cando denunciamos que fomos agredidas cuéstionase o noso testemuño, xúlgasenos ás agredidas e non aos agresores, sendo incongruente que se nos empurre a vivir en alerta ante unha agresión e cando somos agredidas e denunciamos non nos crean.

  • Porque as mulleres inmigrantes en situación administrativa irregular estamos especialmente desprotexidas fronte á violencia sexual, xa que a denuncia pode supor a apertura dun expediente sancionador de estranxeiría ou a detención para a expulsión. Iso condiciona a posibilidade de buscar protección e xustiza. Porque as condicións laborais das traballadoras de fogar internas aumentan a impunidade dos agresores.

  • Porque non podemos ocupar o espazo público, os espazos de lecer, a noite, sen vivir experiencias de facoso e agresións sexuais por parte de homes que cren que eses espazos son seus, que queren facer da rúa, a noite, a diversión, un territorio masculino.

  • Porque se usan as novas tecnoloxías para o hostigamento e agredir ás mulleres, ciberacoso que ten momentos extremos e que se dá con especial virulencia contra as mulleres que se declaran feministas.

  • Porque as violencias patriarcais afectar ás mulleres de forma diferente en función do noso status migratorio, a nosa idade, se somos racializadas, xitanas ou paias; trans, hetero, lesbianas; se somos asalariadas ou non, traballadoras do fogar, prostitutas, se somos nais ou non. Se negamos esa diversidade, invisibilizamos a especial crueza con que as violencias afectan a algunhas de nós.

  • Porque ás mulleres nos criminalizan por protexer ás nosas fillas e fillos dos seus pais maltratadores. Vémonos na obriga de seguir en permanente contacto con eles e temendo polo benestar físico e psicolóxico das nosas fillas e fillos, a través dun réxime de visitas que se concede atendendo á “xustiza” para os adultos en lugar do benestar das e dos menores.

  • Porque somos vítimas de violencias institucionais, por exemplo, a través do poder xudicial e do sistema sanitario, responsables de erros que afectan á vida de todas as mulleres. A falta de formación específica do persoal xudicial, policial e sanitario impide un tratamento correcto das violencias machistas e dificulta a protección e prevención e tamén a consecución de verdade, xustiza e reparación.

  • Porque hai moitas mulleres privadas de liberdade, desde as presas por delitos menores de supervivencia, por un sistema penal que é patriarcal e clasista, até as mulleres internadas en CIE, privadas de liberdade sen cometeren delito algún.

  • Porque a crueldade das violencias machistas alaga as pantallas dos nosos móbiles, televisores, computadores, construíndonos como vítimas e afondando nun imaxinario colectivo que normaliza as masculinidades violentas.

  • Porque a maioría dos medios de comunicación realizan un tratamento amarelista, cheo de morbo dos casos de violencia contra as mulleres, sen considerarnos como suxeitos de dereitos e sen asumir a súa responsabilidade na loita contra as violencias machistas.

  • Porque o Estado non asume a responsabilidade que lle corresponde e permite, coa súa pasividade, coa impunidade e cos poucos recursos destinados, que se manteña a trata de mulleres e nenas.

Para que facemos folga?
  • Para que se considere a violencia machista como unha cuestión que incumbe a toda a sociedade, que ten a súa raíz nun sistema patriarcal que organiza as nosas relacións sociais. Por iso esiximos que se teñan en conta as diferentes causas e se fagan visibles os distintos niveis e dimensións das violencias. Mentres isto non ocorra, seguirannos matando.

  • Para que se promova de maneira efectiva unha educación afectivo sexual que eduque aos nenos contra unhas masculinidades violentas, posesivas, dominantes, e ás nenas para desenvolver a súa individualidade e saír do marco do amor romántico.

  • Para que se aplique de forma efectiva a lexislación vixente e se dote de recursos suficientes a loita contra a violencia por parte da parella ou a exparella, pero tamén para que se amplíe a definición de violencia machista para abarcar a todas aquelas violencias que sufrimos polo feito de sermos mulleres. Esiximos protección, reparación e xustiza.

  • Para que o rexeitamento á violencia sexual vaia acompañado de mudanzas culturais, nas ideas, actitudes, relacións e no imaxinario colectivo que nos devolva a nosa condición de suxeitas de dereitos e donas dos nosos corpos, á vez que dispoñamos de recursos para a prevención, a xustiza e reparación das mulleres vítimas de violencia sexual

  • Para que deixemos, como sociedade, de naturalizar as violencias sexuais ou, peor, de responsabilizar a quen somos agredidas en lugar da quen agriden.

  • Para que ás mulleres inmigrantes en situación administrativa irregular se nos garanta seguridade xurídica e protección cando denunciamos unha violencia sexual, o que require modificar a lei de estranxeiría.

  • Para ocupar o espazo público, de lecer e a noite sen temor a ser acosadas, como espazos de goce, encontro e diversión.

  • Para que as redes sexan un espazo libre e seguro para as mulleres, no que podamos verter as nosas opinións, formas de vida e imaxes sen ser acosadas ou agredidas porque o espazo virtual, como espazo público, tamén é noso.

  • Para que todas as mulleres, sen discriminación de ningún tipo, teñamos dereitos e xustiza social; para que en todas as accións contra as violencias machistas se teña en conta a diversidade de circunstancias e condicións das mulleres e a intersección de opresións que vivimos.

  • Para que se teña en conta o benestar das e dos menores de idade fronte aos desexos dos pais maltratadores, así como a seguridade das mulleres nos casos de separación e establecemento de réxime de visitas.

  • Para que as xuízas e xuíces, así como todo o persoal relacionado coa administración de xustiza e de atención á saúde, reciban formación específica con perspectiva de xénero e LGTBIQ garantindo así a atención aos nosos dereitos; para que haxa criterios claros de actuación para protexer ás mulleres e as súas fillas e fillos dos seus agresores.

  • Para conseguir mudanzas nun sistema penal patriarcal, clasista e racista e que priva de liberdade a unha gran cantidade de mulleres e para que se pechen os CIE porque ningún ser humano é ilegal.

  • Para que os medios e as e os profesionais que neles traballan se fagan cargo do impacto que teñen na opinión pública.

  • Para que os medios de comunicación traten os temas de violencias machistas con rigorosidade, tratando ás mulleres e os seus dereitos como suxeitos, non victimizando nin empatizando co agresor.

  • Para que se persiga de forma eficaz a trata con fins de explotación sexual, pero, sobre todo, se lle outorgue a protección que a nosa regulación en teoría contempla ás mulleres que se atopan nesa situación, deixando de pór por diante a “loita contra a inmigración irregular” en lugar da protección dos dereitos humanos das mulleres.

  • Para ter unha vida libre de violencia e construír un mundo no que vivir sen medo a ser asasinada, violada, explotada, acosada, perseguida por pretender vivir libremente ou defendernos de agresións: é urxente erradicar as violencias para poder elixir a vida que queremos vivir.

Corpos

O control da nosa vida sexual e reprodutiva é un instrumento do patriarcado para tratar de someter os corpos e as vidas das mulleres, lesbianas e trans. O dereito a decidir como un dereito de xustiza social que defende o feminismo, vai abrindo portas para que podamos expresar distintos proxectos de vida, novas formas de vivir a sexualidade, a maternidade, o corpo e a identidade. Os dereitos sexuais e os reprodutivos teñen que ver co corpo e a nosa subxectividade, e coas condicións sociais, culturais e económicas nas que vivimos.

Por que facemos folga?
  • Porque non somos donas dos nosos corpos, os nosos desexos e négallenos o noso dereito a decidir.

  • Porque a xerarquía católica, o Estado, os poderes patriarcais económicos e políticos e a cultura machista (dos nosos amigos, pais, irmáns e veciños), xeran un contexto que negan ou limitan as nosas decisións sobre como queremos vivir a sexualidade, a nosa corporalidade, a maternidade, as nosas vidas e relacións.

  • Porque os nosos dereitos sexuais e dereitos reprodutivos ou non están recoñecidos, ou non están garantidos ou están limitados e non son efectivos para todas as mulleres.

  • Porque a educación afectivo-sexual non está no currículo escolar, aínda que existe de forma implícita e atravesa todos os contidos do sistema educativo. É unha educación que non está baseada no pracer, senón no medo e nos tabús. É heteronormativa, centrada na reprodución, coitocéntrica e invisibiliza a diversidade tanto de identidades como de sexualidades.

  • Porque se contemplan os corpos e a nosa sexualidade como obxectos e non como suxeitos de pracer. Por tanto, limítase a expresión dos nosos desexos e a nosa erótica, tanto á hora de relacionarnos con outras persoas como con nós mesmas (intimidade).

  • Porque o aborto segue no Código Penal, sen estar recoñecido como un dereito ás mulleres a decidir sobre o seu corpo e a súa maternidade. As mulleres continuamos enfrontándonos a quen nos criminaliza e culpabiliza por abortar. Ademais, non se respecta a autonomía das mulleres novas de 16 e 17 anos (que seguen necesitando o permiso dos seus pais/nais ou titores/as legais) e seguen existindo moitos obstáculos para facer efectivo este dereito, incluíndo que na práctica non se realiza na rede sanitaria pública.

  • Porque as lesbianas, bisexuais e trans vivimos unha situación de invisibilización, non recoñecemento social e de discriminación. Segue rexendo un modelo de familia tradicional nuclear e dificúltasenos o acceso á reprodución asistida.

  • Porque as mulleres novas enfrontámonos a múltiples obstáculos para decidir sobre a nosa maternidade e os nosos proxectos vitais. A situación de precariedade e inestabilidade creada polas condicións laborais e as políticas neoliberais impídenolo. Se seguimos dependendo dos nosos pais/nais, se quedarche embarazada é un obstáculo na vida profesional, se os contratos de traballo non duran máis de tres meses, se non existen suficientes escolas infantís públicas, a maternidade convértese para moitas nun acto heroico e para outras en algo ao que renunciar. E cando decidimos non ser nais, en moitas ocasións vémonos sinaladas e cuestionadas. ? Porque as mulleres inmigrantes en situación administrativa irregular non podemos acceder á atención á saúde no sistema sanitario público, ou se nos dificulta mesmo nos casos en que se supuña que o tiñamos garantido, como durante o embarazo.

  • Porque nos impoñen corpos imposibles e un canon estético co que non nos identificamos: un corpo nin demasiado gordo nin demasiado delgado, que pareza libre pero non en exceso, que sexa atlético e funcional para o sistema, que sexa feminino, pero sen pasarse. Un corpo que anula a nosa diversidade de formas de ser e estar no mundo e que nos xera moito sufrimento.

  • Porque se medicaliza e patoloxiza o noso corpo, facendo intervencións médicas ou farmacolóxicas innecesarias ou excesivas, sen xustificación. Vense como problemas e non procesos naturais, a menstruación, a menopausa ou a propia vellez. E sométese ao embarazo e ao parto a violencia obstétrica. E os malestares que aparecen como sufrimento anímico ou síntomas mal definidos sen causa orgánica demostrable, produto da vida que levamos, non se estudan nin atenden. Ademais, os prexuízos e estereotipos que moitas e moitos profesionais da sanidade teñen sobre as mulleres inmigrantes, lesbianas, que exercen a prostitución ou transexuais, expúlsanos do sistema sanitario e por tanto do noso dereito a recibir unha atención integral.

Para que facemos folga?
  • Para ser donas dos nosos corpos, os nosos desexos, as nosas decisións. Para que o Estado garanta, a sociedade respecte e a Igrexa non se meta.

  • Para esixir ao Estado, á xerarquía católica, aos poderes patriarcais económicos e políticos e á cultura machista (dos nosos amigos, pais, irmáns e veciños), que respecten a nosa autonomía e liberdade para tomar decisións sobre a nosa sexualidade, a nosa corporalidade e os nosos proxectos vitais. Queremos ser donas dos nosos corpos, os nosos desexos e as nosas vidas.

  • Para que os nosos dereitos sexuais e dereitos reprodutivos estean recoñecidos e sexan efectivos para todas-todas-todas as mulleres, independentemente da nosa idade, condición inmigrante e identidade sexual e de xénero.

  • Para poder desenvolver espazos de autonomía, pracer e poder persoal para sentirnos lexitimadas na expresión de emocións e desexos.

  • Para que a educación sexa pública, laica e con currículos feministas onde se transversalice a perspectiva de xénero en todas as disciplinas.

  • Para que a educación afectivo-sexual estea contemplada no currículo escolar e sexa integral, libre de estereotipos sexistas e lgtbifóbicos. Que nos eduque na diversidade, mostre as diversas formas de vivir a sexualidade e as distintas corporalidades que existen, promovendo o pracer sexual e autocoñecemento dos nosos corpos. Unha educación laica que informe, sen moralismos, sobre a importancia da prevención de embarazos non desexados, as ETS e a violencia sexual.

  • Para que se recoñezan os nosos corpos e a sexualidade como suxeitos de pracer. Queremos poder expresar libremente os nosos desexos e a nosa erótica cando nos relacionarmos con outras persoas e tamén cando nos damos pracer a nós mesmas. Todos os corpos e sexualidades son susceptibles de ser suxeitos de desexo, todos os corpos son eróticos!

  • Para que o aborto estea fora do Código Penal e sexa recoñecido como un dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo e a súa maternidade. Que se respecte a autonomía das mulleres de 16 e 17 anos e se garanta a súa realización na rede sanitaria pública para todas-todas-todas as mulleres. Aborto libre, seguro e gratuíto!

  • Para que as lesbianas, bisexuais e trans e outras persoas disidentes sexuais e/ou de xénero podamos expresar libremente a nosa identidade e sexualidade, tendo un pleno recoñecemento dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Para que se asuman os diferentes modelos de familia e proxectos de vida que existen. Que se nos facilite o acceso á reprodución asistida, se despatoloxice a transexualidade, ofrecendo garantías a quen queiramos facer un proceso de tránsito e autonomía para construír as nosas identidades e sexualidades.

  • Para que as mulleres novas podamos decidir sobre a nosa maternidade e os nosos proxectos vitais, e para iso téñennos que recoñecer como suxeitas, teñen que parar os recortes en servizos públicos e sociais, cesar as políticas neoliberais que nos precarizan, recoñecer os nosos dereitos laborais e crear redes de apoio mutuo que nos permitan pór os coidados e as actividades que sosteñen a vida no centro.

  • Para que as mulleres inmigrantes en situación administrativa irregular podamos acceder á atención sanitaria pública para o que se ten que derrogar o Real Decreto 16/2012, que o impide.

  • Para que se recoñeza a diversidade de corpos e de formas de ser e estar no mundo. A nosa condición étnica e de racialización, os nosos corpos son diversos á hora de funcionar, gústanos levar o pelo e a roupa de moitas maneiras, maquillámonos se nos apetece e non nos dan vergoña as nosas estrías. Todos os corpos son desexables e desexados! Son tan diversos coma nós.

  • Para que se contemple a nosa saúde desde un enfoque integral que inclúa a dimensión biolóxica, psicolóxica e social, de xénero e non desde unha perspectiva unicamente medicalizada. Necesitamos dispor da información necesaria para tomar decisións sobre o noso corpo, e impulsar a investigación médica desde un enfoque non androcéntrico, que poña as necesidades das mulleres entre os seus obxectivos; e que todas as mulleres podamos acceder a servizos de saúde integral, de proximidade, independentemente da nosa situación administrativa, a nosa idade, identidade de xénero ou sexual.

Fronteiras

Os límites impostos á mobilidade humana, o racismo e a xenofobia en todas as súas manifestacións e as condicións específicas que vivimos as mulleres inmigrantes, son cuestións centrais e trasversais na Folga Feminista.

Conscientes das diferentes posicións que atravesamos cada unha de nós dependendo da orixe, a clase, a idade, a orientación sexual, a identidade de xénero e as diversidades funcionais, combatemos cada forma de machismo nas súas interseccións cos outros sistemas de poder como o racismo e o capitalismo que estruturan xerarquías que pretenden distinguirnos entre inmigrantes e cidadás. Xeramos alianzas que desafían esas divisións binarias e ficticias entre “nós” e “as outras”. Practicamos un feminismo interseccional que recoñece as diferenzas que caracterizan as condicións de cada e que busca a loita común contra a violencia do patriarcado, do racismo, da clase e das fronteiras, pero facemos política desde o protagonismo da loita de resistencia das inmigrantes e/ou persoas racializadas. E como tales, as nosas accións de rexeitamento á violencia racista pon en cuestión a orde patriarcal cada día, nas fronteiras externas e internas, nos CIE, nas rúas, nos nosos lugares de traballo e nos nosos barrios.

Por que facemos folga?
  • Porque rexeitamos a utilización dos dereitos das mulleres para xustificar a violencia sobre algunhas de nós. Porque rexeitamos o uso que se fai dos dereitos de mulleres, lesbianas e trans para favorecer e lexitimar políticas e discursos racistas e reaccionarios. Querémonos a todas libres.

  • Porque o noso dereito a ocupar os espazos públicos vese cuestionado pola nosa vestimenta facendo caer sospeitas sobre nós. Porque rexeitamos a islamofobia e a instrumentalización racista e da seguridade da violencia de xénero.

  • Porque as fronteiras xeran desigualdades e mantéñense en base a políticas patriarcais, racistas e de dominio colonial.

  • Porque as vidas das mulleres, nenas, nenos e homes que nos movemos dos nosos países por causas económicas, sociais e/ou conflitos armados, non valen nada para os gobernos da UE e as súas políticas patriarcais, racistas, xenófobas e clasistas.

  • Porque a UE e Estado español, na súa lóxica de non protección real das mulleres, non recoñecen como persecución e motivos válidos para o asilo a violencia sexual e de xénero, a mutilación xenital feminina, a trata, a esterilización forzada, aborto selectivo, o matrimonio forzado, os crimes de honra e a discriminación por sexo.

  • Porque as políticas de peche de fronteiras déixannos ás mulleres e nenas en situación de especial vulnerabilidade, tendo que recorrer a vías de tránsito inseguras, cun aumento do perigo, violencia machista, violencia sexual, explotación, trata e todo tipo de abusos.

  • Porque os campamentos onde esperamos para cruzar o Mediterráneo son espazos nos que as mulleres vemos vulnerados os nosos dereitos máis elementais e somos vítimas frecuentes de violencias e agresións sexuais. Porque o Mediterráneo se converteu nunha das maiores fosas comúns da historia e os mecanismos utilizados na “fronteira Sur” (Ceuta e Melilla): valos, concertinas, coitelas nos valos, a militarización das zonas contiguas, barcos e radares, provocan a morte de milleiros de persoas.

  • Porque o goberno marroquí e o goberno do estado español permiten as condicións de explotación e alegalidade na que moitas mulleres carrexadoras traballamos en Melilla e Ceuta e sendo sometidas a agresións e violencia policial con total impunidade.

  • Porque seguimos sendo vítimas de identificacións e redadas policiais racistas na rúa, paseando, de camiño aos nosos traballos ou agardando o transporte público, o que atenta contra o noso dereito de libre circulación e preténdenos sancionar por usar os espazos públicos que tamén son nosos. Porque estas identificacións racistas están na base da xenofobia, dando a imaxe de que somos perigosas e por iso hai que controlarnos.

  • Porque se producen devolucións de persoas inmigrantes ou solicitantes de asilo por mera conveniencia administrativa, incluíndo menores, mulleres embarazadas, lactantes ou vítimas de violencia sexual ou trata, figuras supostamente contempladas como a protexer.

  • Porque rexeitamos a existencia dos CIE que viola dereitos e liberdades fundamentais. Porque nos deteñen nestes centros sen cometer delito algún, porque neles se producen agresións, torturas, falta de atención médica, abusos sexuais e mortes que non se investigan. Porque non se garanten os nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Porque están retidas mulleres vítimas de trata ás que nin sequera nos foi aplicado o protocolo de identificación en instancias policiais, fiscais e xudiciais.

Para que facemos folga?
  • Para que a loita feminista non se instrumentalice para negarlle dereitos a algunhas, para que se admita desde a visión global, internacionalista, interseccional e complexa que o noso posicionamento político como feministas supón. Para que haxa un recoñecemento das comunidades racializadas e da diversidade étnica.

  • Para decidir sobre o noso propio corpo e como o cubrimos. Para que pensar unha cidade segura sexa pensar unha cidade para todas, que teña en conta a seguridade desde unha perspectiva de xénero e non mediante estratexias restritivas, incremento da presenza da policía e control no acceso aos espazos públicos que non fai senón aumentar a percepción de inseguridade para a maioría das mulleres.

  • Para que exerzamos a nosa liberdade de movemento e de establecemento dentro e fóra de Europa. Para que desaparezan as leis que limitan e gobernan a nosa mobilidade e o dereito de autodeterminación de nosas propias vidas. Para fomentar a memoria histórica e reparación das vítimas de racismo.

  • Para derrogar de forma inmediata a Directiva Europea de Retorno, a derrogación da Lei de Estranxeiría e de todos os instrumentos xurídicos que impiden o lexítimo dereito a migrar e o dereito a atopar refuxio nun territorio seguro.

  • Para facer efectiva a garantía da Lei de Asilo recoñecendo como refuxiadas ás mulleres que se atopan fóra do seu país de orixe debida a un temor de persecución por motivos de xénero, considerando dita persecución como unha causa suficiente. Para que se nos recoñeza o poder exercer o noso dereito a formular unha solicitude de asilo independente das nosas parellas e a ter un estatuto xurídico independente do dos nosos cónxuxes.

  • Para facernos visibles, para que se vexa a presenza das mulleres nos procesos migratorios e recoñecernos como protagonistas e suxeitos políticos nos procesos de mobilidade humana. Para garantir a nosa seguridade e vida libre de violencias na ruta migratoria.

  • Para acabar coas desigualdades que impoñen as fronteiras e as políticas dos estados-nación que lexitiman o dominio patriarcal dos recursos e as persoas. E así, garantir a quen migra o acceso a dereitos fundamentais como a sanidade pública, protección xurídica, acceso a bens e recursos e a elixir sobre eles. Para que desaparezan os valos e as medidas de control que converten as fronteiras en escenarios de guerra.

  • Para que o Estado español recoñeza a súa responsabilidade ao figurar entre os principais países de destino das redes de tratal, tomando varias medidas, entre elas a admisión, tramitación e declaración de solicitudes de asilo no marco da Convención de Xenebra e do artigo 59 bis da Lei de Estranxeiría.

  • Para que cese a criminalización das persoas inmigrantes e das loitas sociais antirracistas.

  • Para que se poña fin ás devolucións en quente e os voos de deportación.

  • Para que se pechen todos os Centros de Internamento para Estranxeiros, e con iso o desmantelamento de todos os dispositivos que nos impiden saír dos nosos países e establecermonos noutros.

Economía

Nós pomos a vida no centro, por iso defendemos vidas dignas onde todas as persoas, nas distintas partes do mundo, podamos acceder aos recursos necesarios para cubrir as nosas necesidades en condicións de igualdade e de sustentabilidade ambiental. O patriarcado e o capitalismo coa súa lóxica do beneficio e da acumulación capitalista, van en contra do que propomos, xeran fortes desigualdades, relacións de poder e destrución dos recursos e as condicións necesarias para unha vida digna.

Por que facemos folga?
  • Porque as mulleres seguimos realizando o traballo doméstico e de coidados para cubrir as necesidades básicas da vida. Un traballo imprescindible para a reprodución social da vida, que se invisibiliza e non se recoñece, e que realizamos as mulleres en contextos de precariedade crecente.

  • Porque cando realizamos o traballo doméstico e de coidados no ámbito familiar facémolo de forma gratuíta e precarizada, e cando o realizamos no mercado laboral é en condicións de explotación que van desde a precariedade á trata laboral.

  • Porque os recortes en sanidade, servizos sociais, educación, e dependencia fanse á conta do traballo e o tempo das mulleres. A falta de aplicación da xa limitada “lei de dependencia”, desatende o coidado imprescindible de persoas que estean en situación de necesitar coidados específicos ou que requiren coidados para actividades básicas da vida diaria e non poida cubrilos outra persoa, e leva a que as mulleres teñamos que suplir aos servizos públicos. Isto está a forzar a que moitas mulleres teñamos que renunciar aos nosos proxectos e desexos.

  • Porque non hai corresponsabilidade nin dos homes nin do Estado, nas tarefas domésticas e de coidados; mesmo cando hai certa repartición, as mulleres seguimos sendo as responsables dos coidados. Esta repartición inxusta dos traballos de coidados lévanos a ter dobres e triplas xornadas de traballo, mina os nosos tempos persoais, a nosa vida e a nosa saúde.

  • Porque ás traballadoras de fogar non se nos recoñece nin a importancia, nin a dignidade do noso traballo nin os nosos dereitos laborais. Sendo na gran maioría mulleres inmigrantes, formamos parte da cadea global de coidados. Transfírese o traballo de coidados duns fogares a outros en base a eixos de poder, entre eles o de xénero, etnia, clase e o lugar de procedencia.

  • Porque a división sexual do traballo condénanos tamén a traballos precarios, á discriminación laboral, a unha fenda salarial do 23% que xera precariedade laboral, con maior incidencia se somos maiores de 45 anos. Esta fenda salarial obríganos a traballar de balde 54 días ao ano e enfróntanos a un teito de vidro para acceder a postos de decisión e poder.

  • Porque as mulleres temos moitas menos opcións no mercado de traballo debido ás desigualdades e discriminacións nas condicións de emprego, a precariedade laboral, a temporalidade dos contratos, os de prácticas, ás baixadas salariais, á segmentación horizontal e vertical, á peor remuneración e á desigualdade que tamén se reflicte no desemprego.

  • Porque as dobres xornadas de traballo obrígannos en moitas ocasións e contra a nosa vontade, a xornadas a tempo parcial con consecuencias importantes sobre os salarios, as carreiras profesionais e as nosas condicións de vida, e supón maior precariedade laboral e vital.

  • Porque, á vez que se enxalza a maternidade, penalízanos no mercado de traballo, prexudícanos á hora de que nos contraten, de manter o posto de traballo e de promoción. É outra discriminación no ámbito laboral.

  • Porque a precariedade laboral tíranos á pobreza, mesmo aínda que teñamos un traballo. A suma das condicións que se acumulan ao longo da nosa vida: peores salarios, maior traballo a tempo parcial e por tanto unha base de cotización máis baixa inciden en peores condicións ao longo da vida, incluída a xubilación. A pobreza é, en consecuencia, moito maior entre as mulleres ao longo de todas as etapas da vida. As pensións contributivas son moi inferiores, así como a contía que percibimos.

  • Porque os traballos máis necesarios para a supervivencia e o benestar das persoas e a sostenibilidade do planeta son os menos recoñecidos e con todo aqueles que os destrúen teñen unha maior valoración social e económica.

  • Porque a privatización dos bens comúns e o desartellamento das redes comunitarias e veciñais ponnos máis difícil a existencia.

  • Porque a deterioración ou a escaseza de recursos esenciais como a enerxía, a auga ou os alimentos, bate na vida cotiá das mulleres, que os xestionan no espazo doméstico.

  • Porque se oculta que fenómenos como a toxicidade de sustancias de sínteses ou o cambio climático, afectan de forma especial ás mulleres.

  • Porque as mulleres rurais temos que enfrontarnos, ademais, á deterioración ambiental nun contexto patriarcal no que non se fai efectiva a titularidade compartida da terra.

Para que facemos folga?
  • Para que se faga visible e se recoñeza o valor e dignidade do traballo doméstico e de coidados; se faga en condicións de corresponsabilidade e sexa asumido como unha responsabilidade de todos e todas, da sociedade e do Estado.

  • Para que cando os traballos domésticos e de coidados saen ao mercado se garantan os dereitos de quen os realizamos.

  • Para que as traballadoras de fogar teñamos condicións laborais xustas, tal como vimos esixindo.

  • Para que as Administracións públicas garantan de forma irrenunciable e prioritaria os servizos públicos e de protección social: sanidade, educación, servizos sociais, axuda á dependencia, vivenda social.

  • Para que sexa eliminada a fenda salarial de xénero e alcancemos condicións laborais de contratación, promoción e remuneración dignas (non nos basta a equiparación coas condicións precarias dos homes).

  • Para incluír nas seleccións de persoal a entrevista cega, na que o único referente é a capacitación da persoa para cubrir o posto de traballo, non o seu sexo, idade, ou condición.

  • Para que a maternidade deixe de ser un obstáculo para acceder ao emprego e a atención aos fillos e fillas sexa equitativa, con permisos iguais e intransferibles, sexan por nacemento ou adopción.

  • Para resignificar o traballo, o seu valor e produtividade, de modo que se valoricen os traballos que xeran ben común, as liberdades e dereitos individuais e colectivos, a sostenibilidade ambiental, eliminando os que destrúen estes obxectivos.

  • Para que se invirtan as táboas salariais, de modo que reflictan a centralidade e o valor dos traballos imprescindibles para a vida das persoas e a inutilidade ou non desexabilidade dos que só xeran beneficios monetarios. Para redefinir que se produce e para que.

  • Para lograr un modelo económico novo que non se base na división sexual do traballo, que sexa social e ambientalmente sustentable e que defenda ás persoas fronte á acumulación de capital e os beneficios do mercado. Nós non estamos feitas para o sistema, é o sistema o que ten que estar ao noso servizo.

  • Para facilitar unha cultura que, fronte aos modelos individuais de éxito, facilite o comunitario, as relacións veciñais, a xestión participativa e o uso compartido de bens, de espazo público, que xere contornas onde sexa fácil construír redes de apoio mutuo. Porque consideramos que o colectivo facilita a vida.

  • Para que se dea resposta urxente á crise ambiental nas súas diferentes manifestacións (cambio climático, toxicidade crecente, escaseza de auga, residuos) e se enfronten os danos diferenciais que provoca ás mulleres (pobreza enerxética, alteradores endocrinos).

  • Para conseguir a equidade nas condicións de vida das mulleres rurais e que se fagan efectivos os dereitos de propiedade e xestión nas explotacións agrícolas e gandeiras.

Diversas e xuntas, podemos parar o mundo!

Share This